Discurso do Presidente Don Avelino Muleiro

Ilustrísimas autoridades.

Señoras e señores:

Quixemos obsequiar a todos vostedes co facsímile das Verbas aos mozos galegos, na que se recolle a conferencia dita no paraninfo da universidade compostelán por don Álvaro das Casas o 9 de marzo de 1933. Cúmprense, pois, mañá setenta anos desta efeméride. Con cada exemplar entregamos tamén unha flor de salgueiro, que, esperto xa do seu letargo invernal, saúda nestes días as terras do Ribeiro e do antigo Orcellón.

            ¿Por que escollemos o salgueiro como compañeiro do libro de don Álvaro? Porque pode moi ben representar a metáfora destas bocarribeiras ribeirás e da súa xente.

O salgueiro témolo como pertegueiro natural da primavera, á que nos imos acercando nestes comezos de marzo; ademais, e aínda que os paisanos o consideran coma unha peste pola súa asombrosa capacidade de supervivencia, utilízano para postes e estacas, das que saen raíces para clonarse nun novo individuo. É capaz de desafiar ás mimosas e ás chorimas coas que entra en constante retesía antes de afastarse con extraordinario éxito ás beiras do Avia e do Arenteiro. O salgueiro fíxose tan familiar que ata se fai querer, trocándose imprescindible e converténdose nun elemento máis da nosa idiosincrasia. Os biólogos e xeógrafos considérano fundamental no aspecto ecolóxico, xa que fixa os lindes dos ríos obrigándoos a manterse dentro do seu leito.

Un libro --símbolo da erudición e da ilustración-- e un ramiño de salgueiro --símbolo da sensibilidade, da fortaleza e da natureza-- representan unha perfecta concordancia entre a intelixencia e a vida. Nós cremos na harmonía entre as ideas e a natureza, convencidos de que o pensamento e a vida conforman os ingredientes máis enxebres e adecuados da cultura. E abofé que nos atopamos nun recuncho do planeta onde un enorme caudal de cultura galega deita de cada recanto destas ribadas do Arenteiro e do Avia, escoitándose en toda Galicia o gurgullar a cachón do seu brío e da súa choupada. Trasalba, Moldes, Leiro, Banga, Rivadavia, Esposende,…son encoros de cultura cos que se rega Galicia. Encoros que se converten en dioivos cando se chaman Otero Pedrayo, Samuel Eiján, Eladio Rodríguez, Emilia Pardo Bazán, Chamoso Lamas, Antón Losada Dieguez ou Álvaro das Casas. Estes persoeiros naceron aquí --ou instaláronse aquí-- enchendo de luzadas galeguistas todo o contorno xeográfico.

Pero O Ribeiro non só é coñecido pola alta categoría dos seus fillos, pola coexistencia multicultural secular, polos seus monumentos, polas súas iniciativas culturais, senón que tamén a natureza quixo ser xenerosa con el dotándoo de fértiles ríos, de paisaxes inigualables, de fragas mestas e variadas e dun viñedo incomparable. A xente que se relaciona con estes agasallos naturais non desmerece fronte ós intelectuais anteriormente aludidos. Esta paisaxe ribeirá funciona ás veces como paisaxe mítica, convertendo ó mesmo pobo do Ribeiro en pobo mítico. A xente do Ribeiro é emprendedora, eticamente sá, traballadora e solidaria. Nesta terra agargálase en perfecta simetría a cultura co traballo, a intelectualidade coa empresa e a solidariedade cos retos persoais. Dunhas persoas con semellante psicoloxía só cabe esperar éxitos individuais e colectivos.

Hoxe, que estamos presentando en público a asociación Álvaro das Casas, quérolle enviar a toda a xente das comarcas do Ribeiro e do Carballiño a nosa disposición a colaborar con ela en todo aquilo que lles poida axudar a dar pulo á cultura, á economía e ó progreso. Mostrámonos dispostos a colaborar coas autoridades políticas e coas asociacións culturais para que estas terras sexan coñecidas no magma da globalización. Estamos abertos a estudiar cos adegueiros a maneira e as estratexias para que o viño do Ribeiro acade o lugar que lle corresponde na cultura vinícola mundializada. Hei de lembrar que don Álvaro das Casas fundara unha asociación de cosecheiros do Ribeiro alá polos anos trinta; iso tamén supón un reto para que os asociados traballemos nestes temas. Pero non só o viño; tamén estamos dispostos a meter no saco da globalización os balnearios do Carballiño, de Partovia e de Berán; o pan de Cea; as rosquillas de Rivadavia; os pementos da Arnoia; …e todos estes productos, coa denominación de orixe en galego.

Todos sabemos das avantaxes da globalización, pero do mesmo xeito coñecemos as súas eivas. A globalización pretende uniformar a humanidade co pensamento único. Pero o pensamento único é un pensamento débil, de mínimos, postmoderno. O pensamento débil esquece a historia, desarraiga as persoas, fai perder as sinais de identidade e, en definitiva, desorienta. ¿Cómo se lle pode dicir a Rivadavia que se mergulle no pensamento postmoderno e se esqueza da historia, se todos os anos celebran a súa festa? O que Galicia ten que aportar á globalización é a súa cultura, os seus productos, a súa idiosincrasia, a súa ética solidaria,… Sóbrannos avalistas desta nosa mercadoría. Un deles Álvaro das Casas, cuxa biografía será presentada dentro dun pouco.

A asociación Álvaro das Casas pretende dinamizar a partir de hoxe a vida desta terra, axudándoa a que a súa historia deixe de ser unha colección de feitos mortos para transformarse nun xigante carrusel de grandes proxectos. Seguindo as palabras de don Álvaro, procuraremos “pór a alma galega en todo o mundo… dándolle ó corazón as trintedúas direccións dos ventos”. Penso que ningunha asociación cultural --polo tanto, tampouco esta-- ten sentido se non se implica nun compromiso social. Dende esta base imos traballar, abríndonos á sociedade galega, en especial á desta comarca, partindo de interaccións comunicativas cos axentes sociais, pois, estando en completa sintonía con Habermas, esta comunicación “é o punto de partida para calquera tipo de proxecto”. Non queremos aparecer como un ente integrado por ilustrados --pero enquistado, intelectualmente narcisista-- e afastado da sociedade. Nesta primeira aparición ante os cidadáns quixeramos transmitirlle á xente desta comarca –adegueiros, viticultores, campesinos,…--   a mensaxe que Álvaro das Casas lle deixou ós mozos galegos hai mañá setenta anos:

“Que coas vosas mans ergades a Galicia tan outa e tan limpa e tan venturosa, que o mundo todo a vexa como un exemplo alboreal”.

 Todos os que integramos esta asociación, e os que a integren no futuro, confiamos plenamente no compromiso de toda a xente desta comarca coa  mensaxe de don Álvaro. Albiscamos xa os primeiro síntomas. A presencia aquí de tantas autoridades do mundo da política e da cultura fan verosimil esta crenza. 

Quero rematar facendo pública a nosa gratitude ás persoas que colaboraron na organización deste acto --de formas diversas, pero todas inestimables--. Gracias ó Ilmo. Sr. Presidente da Excma. Deputación Provincial de Ourense, D. Xosé Luís Baltar; gracias ós señores alcaldes de Leiro, O Carballiño e Rivadavia; gracias a D. Francisco Novoa Rodríguez, director do Grupo Academia Postal; gracias ó Sr. Director da estación enolóxica de Galicia --ubicada en Leiro—mediante o cal imos degustar un viño desta terra para mergullarnos plenamente na globalización. Gracias moi especiais a Cándido, o dono deste pazo, home hospitalario e xeneroso, que puxo a disposición da asociación o local que nos acolle e no que quedará establecida a sé. A uns e a outros, moitas gracias. Persoas así son as que nos dan azos para seguir traballando e nos fan dicir con Egmont: “ Se a mañá nonos esperta para novas alegrías e á noite non podemos esperar ningún pracer, ¿vale a pena vestirse e espirse?” Eu penso que, alomenos hoxe, esta mañá si nos espertou con moita alegría e maior ilusión.

Moitas gracias a todos vostedes por vir.    (Esposende, 8 de marzo de 2003)