GALICIA ESPALLADA

Buscando en GOOGLE cousas encol das castañas e dos castiñeiros atopei unha páxina web moi fermosa, na que me atopei agusto, e na que me quedei distraído, paseando moi agusto, durante bastante tempo.

É unha páxina moi ben diseñada, e con contidos moi variados. Alí atopei traballos encol do magosto, das castañas en Galicia, ...etc. Fun pasando polas distintas seccións da web: opinión, cultura, arte, gatronomía, historia, información, lectores, a nosa web, emigración, ecoloxía. Alí había mil e unha cousas relativas a Galicia e ós galegos de aquí e de acolá. Case que todo estaba escrito en galego. Nun galego moi fermoso, por certo. E resulta que os autores da páxina viven na Arxentina. Son Mónica (descendente de avós naturais de Guláns, Ponteareas) e Ulises (fillo de unha galega de Ordes).

Foi como se me topara na casa duns amigos de toda a vida. Botei alí tempo e tempo. Envieille un correo de felicitación pola web. Contestaronme. E ó pouco tempo xa eramos como vellos coñecidos.

Visitei aquela web moitas veces máis. E sígoa visitando. Vou a Arxentina para saber cómo andan as cousas por aquí por Galicia. Para saber a quén se adicará o día das letras galegas do ano 2004. Para aprender galego. Para recordar cómo se fai a matanza do porco. E para ... mil cousas máis.

 

Recoméndovos visitar esa casa da que vos falei, para sentirvos aínda mais orgullosos de ser galegos e de pertenecer a esta inmensa familia de galegos que creemos na nosa terra e na nosa língua. A dirección é esta:

http://www.geocities.com/galiciaespallada/

 

Cicáis internet abre un feixe de novos vieiros para que Galicia rexurda, e para que os que levamos dentro a galeguidade a poidamos sementar, para que se espalle polo mundo adiante. Internet pode ser un medio para artellar un fogar universal no que nos poidamos xuntar telemáticamente e ás veces en tempo real tódolos galegos que ruximos polo mundo, dende Australia ata Arxentina pasando por Fonsagrada e polo Xapón. Podendo unir nun intre un lugar do Courel que soio ten tres veciños con outro lugar ubicado no piso vintetantos dun edificio levantado no centro de Bos Aires.

A rede podenos facer sentir a todos máis cercanos e mais amigos. A "Gran Telaraña" pode facer que a Galicia Espallada sexa una Galicia cada día mais xunguida por mil vínculos. Unha Galicia Universal, de todos e para todos, ... A Gran Galicia. A casa de todos nos.

Temos que saber aproveitar as boas cousas que ten internet, e facer dentro dela unha rede de páxinas galegas de calidade.

Galicia espallada é un exemplo. Hai outros moitos. Pero hai en internet moitos montes sin roturar para que os poidan romper, cavar, arar, traballar ... tódos os galegos que queiran sementar centeo de calidade, para facer entre todos o pan galego do futuro, que será alimento espiritual de todos nós e dos nosos fillos e netos.

(Juan, 12-11-2003)

 

Inicio