Fotos de Galicia. Exposición "Galicias" / 05cocer
Juan
25/10/2007

Anterior Inicio Siguiente

1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 | 20 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 | 27

05cocer

05cocer.jpg

O forno

      Este forno é de verdade, pero parece de mentira. Ese traxe de panadeiro está moi novo. Parece feito para a foto.

     Vouvos contar un conto.

O forno, o pan e o amor.

    O forno do meu pobo é unha casa de planta baixa. Esa casa garda dentro mil historias de amor, de soños, de esforzo, de loita e de vida, ... Mil historias dos nosos devanceiros.
     Cando eu era pequeno (alá polo anos sesenta do século XX) ainda se cocía o pan nese forno. Cada mes tocáballe a un veciño diferente a tarea de quentar o forno, á ronda. O veciño ó que lle tocaba traía moita leña de uces e queimábaa dentro do forno ata que as pedras se puñan de color blanco. Despois barríase a cinsa e cando todo estaba ben limpo metíase o pan dentro, para que cocese. Cando estaba cocido sacábase e tocaballe a ronda ó seguinte veciño. Pero este xa quentaba o forno con moi pouca leña, pois a segunda vez estaba moito máis facil de quentar que a primeira. E segúiase a ronda ininterrumpidamente. Cocíase de día e de noite, sin parar, para non deixar enfriar o forno.
     Antes de meter o pan no forno había que amasar a fariña con auga e botarlle un pouco de lévedo. Así fermentaba na artesa. E logo facíanse os bolos de masa que se metían no forno para que cocese. Este traballo de amasar era normalmente cousa de mulleres mentras que a tarefa de quentar e barrer o forno correspondíalle ós homes.
     E mentres un veciño cocía o pan o seguinte xa estaba amasando para preparar a fornada seguinte. Así no forno xuntábanse varios familias ó mesmo tempo convertindose nun lugar de reunión e relación social.
     E logo aquel pan CENTEO gardábase nunha arca, na bodega, e podíase comer durante un mes. Eu creo recordar que nos cócíamos máis ou menos trinta pas, un para cada día.
     E ó mes seguinte, volta a empezar. Daquela o "pan trigo" soio se comía no día da festa.
     O forno era un lugar imprescindible para facer o pan para poder comer, vivir e subsistir. Pero o forno era tamén en certo modo un lugar de troula, reunión e relación social.

     Logo veu o "progreso". E deixouse de cocer o pan no forno. E pasouse a comer pan trigo a diario. Viña un panadeiro de Matamá pola noite, un día sí un día non, e traía o pan nun Land Rover. Esto parecía un pouco máis prosaico.      Pero a mocedade discurriu a forma de facelo interesante recuperando o rito do pan como fonte de relación social. O panadeiro de Matamá viña pola noite a unha hora incerta e os mozos baixabamos para o fondo do pobo e xuntábamonos nunha escaleira onde xogábamos e falábamos mentras esperábamos o pan. E nestas esperas frolecían verdadeiros momentos de felicidade. ¡Se as pedras falaran poderían contar moitas historias de xogos, coqueteos, amizades, cariños e beixos roubados ... mentras se agardaba a chegada do pan!. Esto acontecía na década dos anos setenta do século XX. Cicáis seguiu pasando nos anos oitenta.

 

     Durante moitos anos o forno quedou esquecido. Foi patria ceibe para ratos e arañas.
     Pero a vida da moitas voltas. E un bó día algén acordou recuperar o forno como lugar de reunión. Creo que foi unha idea fantástica. Arranxouse. Puxeronse bancos e mesas. Incluso unha estufa. E alí se xunta a xente para botar a partida e para parolear un pouco. Alí a xente fala e relacionase cos seus amigos e veciños. Alí rexurde de novo a semente da eterna ledicia. Alí se coce agora o pan espiritual da amizade. Cicais o forno é hoxe o corazón de Camba.

     Hoxe no forno reúnense os adultos de Camba. ¿Onde se xuntan hoxendía os mozos de Camba? No inverno xuntanse cicáis en Ourense, en Barcelona, en Bos Aires, ou en Sao Paulo .... Pero non en Camba. ¿Por qué? Porque en Camba ¡no inverno xa non quedan mozos!. O mes de agosto é outra cousa. E moitos volven en busca da fonte segreda de ledicia que hai en Camba. Pero esto é segredo e non se lle pode contar a naide.

     Pero como a vida da moitas voltas .... moitas voltas .... moitas voltas .... cando o xénero humano descubra que é mais importante a ledicia que o "progreso" ... cando ese día chegue ¡Camba volverá a ter mozos!.