galicias >> versos (índice)

Galicias.com: una casa para todos


Índice de poesías, cuentos ...
Frases bonitas

MAIOS

Aquí tedes as coplas do grupo CHEDEIRO que acadaron o primeiro premio nos maios de Ourense no ano 1985. Daquela o autor desta web facía coplas e tiña vinte anos menos.


COPLAS DOS MAIOS DE 1985
GRUPO CHEDEIRO

Eiquí ven amigos
o Maio de novo
pra darlle palabra
ás cousas do pobo.

A pedra do tempo
da voltas, camiña,
tecendo estructuras
de meses e días:

Muíño sagrado
de terco rotar
que Deus no comezo
botou a chouchar.

Agroman as froles
nos eidos galegos,
despertan os arbres
e cantan os merlos.

Escóitase a vida
que roxe con forza
na ialma da terra,
no sangue das mozas:

Apálpase a doce
caricia de seda
que a todos regala
o sol que nos quenta.

Apálpase fora
e síntese dentro,
¡ouh noble susurro,
sublime arrecendo,

perfume de froles,
pregón da gran festa,
canción que nos fala
da Mai Primavera!

¡Ouh cosmos amigo,
poema de beixos
verdade que chega
vestida de versos!

Corozas, pelicos,
capotes e chancos
están sen empleo
nos vellos faiados;

chaquetas de pana,
camisas de liño. . .
bureles, estopas. . .
¡ xa cobran subsidio!

A morte do inverno
está sentenciada:
fuxiron as neves,
morreu a xeada,

pararon as choivas
-¡xa tempo lles era!
pois fartas de auga
estaban as terras-,

borráronse as néboas,
o ceo está claro...
¡axota a perguiza,
despértate Maio!,

estende as orellas,
escoita os falares
de vellos e vellas
en feiras e bares:

--"España "progresa"
da mau socialista:
¡ de falsas promesas
a certas mentiras!

O Cambio soñado
quedou nos carteles
e todos seguimos
tan mal como sempre".

--"Non digas parvadas.
¿Non ves como neva?
¿Non ves como chove
con moita canseira?

¿Non ves ¡cómo xea!
nas noites de inverno?
¡¿Non notas acaso
o cambio do tempo?!"

--"Pisón socialista
¡qué cambio nos trouxo!­
xeadas e neves
¡e choivas dabondo!"

­-"Non che quepa duda
de que hai outros cambios:
subiron o xorne
dos parlamentarios,

e moitos colegas
toparon traballo
facendo os estudios
do aumento do paro".

--"Xa vexo que o Cambio
foi moi importante:
¡de desgobernados
a desgobernantes!".

--"Tamén hai mudanzas
no vello P C:
en tempos foi medio
e agora son tres"

--"E o cambio máis grande
-terciou outro vello­
ten gran trascendencia
e alcance europeo:

a NATO era mala
con Calvo Sotelo
e ¡fíxose santa
con este goberno!"

--"Pois nos non mudamos
-falou un labrego-:
nas maus temos callos
no vrau e no inverno,

aramos as leiras,
coidamos o gando,
¡e van as ganancias
prós intermediarios!

Xa somos Europa,
¡qué barbaridá!:
xa os cochos non queren
as berzas sen sal,

os lobos non comen
a carne sen pan
e os peixes non beben
a auga do mar;

as vacas remoen
pasteles e flan
e din que non volven
durmir no curral,

as pitas non cantan
o cacaracá
e os gatos miañan
a internacional;

as novas ovellas
-¡qué modernidá!­
repintan os ollos
e peinan a la,

e as cabras do monte
¡qué limpas que van
lavadas con auga
da Comunidá!;

as merlas encargan
no seu consulado
as plumas francesas
de tonos mais claros,

os gatos non queren
comer ratos vellos
¡e istes rechazan
o queixo refeito!"

E dixo a tía Flores:
--"De vicio te queixas.
Na vila de Ourense
non temos problema:

os roubos funcionan,
van ben os atracos
e a droga non falta
no noso mercado;

os buses urbanos
merecen aplauso
pois ¡sempre se poden
coller con retraso!

¡e os prezos que cobran...!
¿quén pode pagar?
¡ só falta que os suban
pra a rematar!

e teño entendido
-¡non é pra creer!-
que van a por metro
pros que andan a pé:

un metro de rúa
sen pavimentar
pra que os limpabotas
se poidan forrar.

Da ¡Xunta! ¿Galega?
mellor non falar:
os burros o xugo,
non saben levar.

Tampouco lles penso
dicir nin esgazo
da caixa dos tontos
que todos pagamos

(¿ a quén se lle ocurre!
facela tan mala?
¡Qué cousa mais porca,
sen gusto e sen gracia!)

Con todo hai dúas cousas
que quero gabar:
as prazas de pedra,
gavachas, sen par,

e as chispas enxebres
-¡ouh lume de pobo!­
que pra nosa prensa
nos fai CARRABOUXO"

Caláronse todos
e o Maio falou:
--"Alédome moito
no meu corazón

de ver que gardades
o vello tesouro
de rirvos incruso
na boca do lobo.

Eu pido que naide
con vós se moleste
por estas verdades
que a min me dixestes,

que todos xunguidos
ergamos Galicia,
que naide se arrede,
¡afora, a perguiza!,

¡levemos ben alta
a nosa bandeira:
¡amor e xustiza
prá xente e pra terra!

Irmaus no camiño,
mulleres e homes,
por vos eu no lume
abrázome á morte,

que o sangue queimado
froleza e reviva!
¡que a nova Irmandade
xermole na cinsa!!!"

(Ourense, maios de 1985)

 

 

Hola Amig@s... la poesía es luz que sale del alma...


"Lo que convierte la vida en una bendición no es hacer lo que nos gusta, sino que nos guste lo que hacemos." (GOETHE)

"No me resigno a que, cuando yo muera, siga el mundo como si yo no hubiera vivido" (Pedro Arrupe)


TOP: Ir al INICIO de esta página

Benvid@, a Galicias.com

MAPA DE LA WEB