galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> Ïndice de Artigos de ágora do Orcelón

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES
ÁGORA DO ORCELLÓN

Inicio
Ïndice de Artigos de ágora do Orcelón
 

O HOME E A AUGA

Luis González Rodríguez.
Médico nefrólogo
Xefe de nefroloxía do hospital Xeral de Vigo

 

     A interrelación do home cos elementos auga, terra, aire e lume foi, ó longo da súa existencia, moi estreita. De feito, estes catro elementos son os pilares nos que se asentou a aparición da vida no noso planeta; dos catro, cecais foi a auga a que aportou o papel esencial para o xurdimento da vida, na mentres que os restantes funcionaron como mecanismos efectores e catalizadores cruciais, iso si, para a eclosión desa vida na súa forma máis incipiente; sen eles, este salto magnífico da natureza no noso planeta Terra non tivera sido posible. A auga, entón, comportouse como un inmenso seo materno no que, gracias ás súas propiedades e características, iniciouse, sen nengún xénero de dúbida, a primeira e máis primitiva forma de vida.


A AUGA.-
Hai miles de millóns de anos -calcúlase que uns 4600 millóns -despois de que o noso planeta (chamarémoslle protoplaneta) se fose enfriando e permitindo que se configurase unha atmósfera en constante cambio e que, ó mesmo tempo, os elementos sólidos fosen ubicándose nos seus estratos definitivos en función da súa densidade, aparece, simultaneamente, a hidrosfera consecuencia, cecais, da auga desprendida das rochas do interior do protoplaneta e que aflora á superficie dando lugar á formación dos mares e océanos primitivos (protomares e protocéanos). Co paso do tempo estas inmensas coleccións de auga, grazas ó arrastre constante dos minerais orixinado pola erosión permanente das correntes de auga sobre a corteza terrestre, van modificando a súa composición no contido dos elementos minerais derivados desa erosión ata chegar á relación actual entre a auga e os solutos.

Necesitouse, para iso, o decorrer de miles de séculos. A auga dos océanos, entón, polas súas propias características, posúe propiedades únicas para o desenvolvemento e mantemento da vida: é un solvente para os electrolitos e para o oxíxeno, necesarios para a vida; tamén o é para o dióxido de carbono que se ven acumular diante dos distintos procesos da vida e que, ó ser volátil, disípase con facilidade a través da superficie do mar. Pero é que, aínda, os océanos fan que, pola súa grande superficie, poidan absorber ou perder inxentes cantidades de calor con relativamente pequenos cambios de temperatura. Por outra banda, a súa constante dieléctrica, a súa tensión superficial e outras propiedades físicas fan da auga un lugar axeitado para o desenvolvemento e mantemento da vida.


A VIDA.-
Hai uns 4000 millóns de anos xorde nas augas dos protocéanos do noso protoplaneta a primeira forma de vida (forma unicelular) como resultado dunha serie de procesos físico-químicos que foron capaces de ordenar e clasificar toda a primitiva e inicial información de códigos, condesándoos no primeiro ser unicelular. Esta forma unicelular de vida evolucionou e, a causa de posibles mutacións, condicionou que algunhas células, no seu proceso de división, se detiveran e, comportándose de forma distinta ó programado no seu rudimentario código xenético, foran capaces de fusionarse dando lugar a elementos pluricelulares máis complexos en contínua e constante evolución posterior. Estes primeiros seres vivos nutríanse da auga e dos solutos que o mar lles ofrecía por simple transferencia transmembrana. Chega un momento, no seu transcurso evolutivo, no que os seres multicelulares xa non son capaces de nutrirse daquela forma tan sinxela e dótanse de mecanismos máis complexos para esa función nutritiva. Cecais, nun intento de fuxir de especies depredadoras do seu contorno, algúns destes seres vivos tiveron que abandoar o seu paraíso enerxético, o mar, e polas canles dos ríos van ocupando augas cada vez máis diluídas e con máis baixa osmolaridade ó ter menos elementos minerais disoltos cás augas mariñas. Moitos dos ainda fráxiles seres que iniciaron esta aventura non son capaces de resistir e morren no intento; os que conseguen sobrevivir vense na obriga de adecuarse a esta nova situación das augas tan diluídas, tan hiposmóticas. Cando estaban ubicados naquel protomar de relativamente moderada salinidade, os nosos ancestros protovertebrados acadaban o seu aporte enerxético mediante un simple bombeo do líquido que os rodeaba ó longo do seu escasamente desenvolvido sistema vascular; con posterioridade, penetran nos distintos tecidos para máis tarde os metabolitos resultantes ser eliminados de novo ó líquido circundante en forma de desfeitos por medio de simples conductos ciliados. Pero, ó atoparse en augas máis diluídas, a súa superioridade osmótica obrigaríalles a beber grandes cantidades de auga para igualarse con ese novo contorno co conseguinte risco que este feito supón; para evitar esta fatal dilución van desenvolvendo barreiras e, así, aparecen, por exemplo, tegumentos relativamente impermeables que, en asociación cos ainda simples sistemas excretores consistentes nuns conglomerados vasculares, capacítanlles para filtrar o exceso de auga do seu torrente sanguíneo.
De todas formas, este mecanismo de gran filtración tiña os seus problemas: un deles, a imposibilidade da conservación de solutos necesarios e imprescindibles disoltos nese filtrado, necesarios para a supervivencia (a perda elevada de sal era un factor crítico negativo no novo medio de auga doce). A evolución, unha vez máis, busca solucións ós problemas co desenvolvemento, no sistema excretor, por unha banda, dun túbulo contorneado proximal que ten a capacidade de resorber a sal, os azúcares, os aminoácidos e, pola outra, dun túbulo contorneado distal, capaz de diluír de novo os ouriños resorbendo máis sal e rexeitando a resorción de auga simultaneamente.

Chegado o momento no que os seres vivos comezaron a súa aventura definitiva de abandoar o seu medio inicial marítimo dando o salto definitivo de poboar a superficie terrestre, necesitaron manter, arredor das súas células condicións parellas cas do seu entorno mariño primitivo (a mesma composición hidroelectrolítica) coma cando eran seres unicelulares; para iso fixan na súa “memoria xenética” a oportuna codificación neste senso, que lles permita, no novo e agresivo contorno terráqueo, manter en cada ser unha reminiscencia permenente daquel mar: desa maneira, o compoñente hidroelectrolítico dos vertebrados – o home é un deles - do compartimento extracelular aseméllase ós mares pretéritos e, todo iso, a pesar dos grandes cambios que tiveron lugar na composición das augas mariñas que cada vez son máis hiperosmóticas froito da constante erosión cos ríos, ó longo de milenios e milenios, fan sobre a cortiza terrestre. É interesante comprobar a grande similitude proporcional que presenta a composición media hidroelectrolítica dos diferentes mares actuais e o compartimento extracelular (figura 1) que, como anteriormente apuntabamos e remedando ós mares primitivos, é o medio que facilita o sustento celular dos seres vivos.

Figura 1.- Paralelismo entre a composición dos electrolitos da auga do mar actual e da auga do espacio extracelular (en mEq/l).


A auga tamén ocupa un lugar destacado no espacio intracelular pero, mediante mecanismos activos, manteñen unha composición distinta do medio que as rodea e que vai depender das necesidades metabólicas.

A auga do ser humano está usualmente dividida, entón, en dous principais compartimentos: a contida no espacio extracelular e a do espacio intracelular. O primeiro incluú a auga do plasma e do intersticio; as secrecións gastrointestinais, os ouriños, o suor e os exudados e trasudados poden tamén ser considerados como partes especializadas do compartimento extracelular xa que cando calquera delas sofre modificacións, repercute nunha severa perda de auga extracelular



O HOME.
O home reúne todas e cada unha das características dos seres multicelulares e está constituído por órganos, aparellos e sistemas rigorosamente especializados para cada función. A homeostase dos compartimentos sinalados está estrictamente regulada para evitar desequilibrios e, cando se producen, póñense en marcha os adecuados mecanismos encargados de recuperar o equilibrio perdido. Neste senso é importante coñecer as relacións do volume da auga do corpo co peso do mesmo nun home san de 70 Kg (táboa I)


compartimento
Porcentaxe da auga do corpo
Volume (en litros) nun
Home de 70 Kg


Auga do plasma

4
2.8

Auga intersticial

16
11.2

Total auga extracelular
20

14

Auga intracelular
40

28
Media total da auga do corpo dol home
60
42
Media total da auga do corpo dunha muller de 70 Kg
50
35.5

Táboa I: relación volume de auga / peso corporal

A totalidade da auga do corpo varía e está relacionado, principalmente, co sexo do indivíduo e co contido da graxa do corpo; a graxa ten, habitualmente, menos auga asociada con ela, polo que podemos deducir que unha persoa obesa terá menos auga que unha persoa non obesa. Tamén, unha muller terá menos contido de auga no seu corpo que o home. Así, coñécese que un home obeso ten un contido de auga de arredor do 43% en tanto que un home musculoso e atlético, en igualdade de peso, pode ter ata un contido do 70%; calcúlase que a media do contido de auga é arredor do 60%. Da mesma maneira, unha muller non obesa ten un contido de arredor do 60% de auga, cunha media na muller do 50%. Polas repercusións que poida ter é importante non esquecer que o contido de auga do corpo humano diminúe coa idade: en idades avanzadas a graxa vai sustituíndo a masa muscular e, conseguintemente, o contido da auga e máis cativo. De aí que sexa moi importante facer un seguimento moito máis estricto se cabe no home ancián que no adulto xove ante calquera tipo de terapia na que entre a auga como compoñente, dado que calquera neglixencia na observación das normas pode supor desagradables consecuencias nos tramos avanzados de idade.

Tanto a auga do corpo como os solutos nela disoltos non están estancados senón que están en cambio contínuo co seu contorno, variando amplamente en función de diversos factores, sexan físicos, sociais ou ambientais; nun adulto do mundo occidental, unha media do 5% ó 10% do contido total do seu corpo modifícase diariamente; a inxesta de auga e de electrolitos, habitualmente, non vai estar determinada tan só polos requerimentos fisiolóxicos senón que o vai estar polas preferencias dietéticas e as influencias culturais. No noso mundo occidental un adulto de 70 Kg inxire arredor de 3 litros de auga que procede de:
a) case que 1/3 está incluído nos alimentos ou é derivado do metabolismo das graxas.
b) O resto é amplamente discrecional no senso de que está determinado por influencias tales como o padal ou factores psicosociais máis que pola verdadeira sede.
c) Da mesma forma púidose constatar que dos 1000 moles de solutos inxeridos ou xerados polo metabolismo dos nutrientes diarios, case que o 40% é Sodio, Potasio, Cloro, intrínseco ós alimentos, o outro 35% do Sodio, Potasio, Cloro procede das adiccións que lles faemos ós alimentos, sexa como preservantes ou saborizantes.
d) O resto son productos derivados do nitróxeno.

En contraste coa grande dispersión non regulada da inxesta, a excreción polos ouriños tanto de auga ou de solutos está axustadamente emparexada ó estricto control do balance hidrolectrolítico, sendo a excreción do Sodio, Potasio e Cloro nos ouriños rigorosamente controlada polos oportunos mecanismos reguladores. Os outros solutos inxeridos, moitos deles minerais divalentes, son excretados primariamente polo aparello gastrointestinal.
Asemade das vías renais e gastrointestinais, unha relativamente gran proporción da auga do corpo é excretada pola evaporación da pel e polos pulmóns. A cantidade tamén varía marcadamente dependendo de diversos factores (hábitos da vestimenta, humidade ambiente, temperatura, exercicio,...). No noso sistema actual de vida, cada vez máis sedentaria e con temperaturas controladas nas vivendas, as perdas insensibles de auga – así se chama ás perdas por pel e pulmóns – en individuos adultos sans cun peso medio de 70 Kg. e de arredor 0.7 litros ó día (10 ml/kg). Nembargantes, o feito de participar en actividades físicas ó aire libre ó longo dos meses de verán fan que a mesma persoa poida ter unhas perdas insensibles de ata 20 ml/kg, é dicir, xusto o dobre. Podemos, entón, asegurar que, en termos cuantitativos, as perdas insensibles e os factores que as influencian son tan importantes na economía do balance da auga como os factores que regulan o balance urinario.

Como xa vimos sinalando, a resorción e a excreción dos solutos e da auga están intimamante relacionados entre si, e uns condicionan os outros utilizando os axeitados mecanismos renais de resorción e excreción. O ril é un órgano misterioso, non somentes polo que fai e como o fai, senón tamén por qué o fai e por qué vías. Se nos encomendasen a tarefa de deseñar un órgano excretor, moi ben podiamos seguir o patrón do ril do home e deixar o deseño circunscrito a unha simple glándula excretora; certamente, se así fose, estariamos esquecendo procesos tan fundamentais como a filtración e a resorción, amén doutras función secretoras hormonais.
Cecais deseñariamos un órgano excretor máis que un órgano regulador e, por esta razón, o seu funcionamento como modelo podería non ser bo, aínda que se podería faer máis facilmente entendible.

Algunha apreciación da aparente inconsistencia do ril do home pode ser obtida dunha revisión do seu desenvolvemento evolutivo. Niste senso é necesario recordar o xa apuntado con anterioridade: para os nosos ancestros protovertebrados situados nun mar primitivo, de escasa ou moderada salinidade, que marcou xeneticamente cunha composición análoga o noso propio líquido extracelular; a nutrición / excreción era, inicialmente, unha operación moi sinxela; literalmente, embebíanse do líquido que os rodeaba e bombeábano a través do seu primitivo sistema vascular para, unha vez que penetraban nos tecidos, segregalo nas cavidades do seu corpo e logo eliminalo ó exterior en forma de desfeitos diluídos a través de simples conductos ciliados. Seguindo os seus procesos evolutivos estes nosos primeiros parentes biolóxicos, por razóns varias, vense na obriga de emigrar a medios máis hostís (augas máis doces) onde se tiveron que enfrontar cun moi serio problema: a súa superioridade osmótica obrígalles, neste novo medio, a beber grandes cantidades de auga para igualarse ó seu contorno; unha vez máis, a bioloxía resposta axeitadamente facilitando a evolución e dotando a este seres, para evitar as consecuencias desta fatal dilución, de mecanismos apropiados tales como tegumentos relativamente impermeables en asociación cos, aínda, simples sistemas excretores, consistentes nuns conglomerados vasculares que lles facilitaban e capacitaban para filtrar o exceso de auga do seu torrente sanguíneo. Nun intento de reducir a perda pola desmesurada filtración de solutos necesarios e imprescindibles na súa composición, a bioloxía resposta unha vez máis e dota o ser multicelular dun túbulo contorneado proximal e outro distal que son capaces de resorber a sal, a glucosa e os aminoácidos mantendo un perfecto equilibrio hidroelectrolítico.

Podemos, entón, comprender a necesidade de manter unha equilibrada homeostase e que está xustificada por todo o que rematamos de analizar. Calquera actividade, tratamento (o termalismo pode ser un deles) ou alteracións da saúde poden interferir neste delicado equilibrio homeostático que é necesario e obrigado repoñer coa maior prontitude.


CONTORNO ACUÁTICO.-
Se a auga foi fundamental para o xurdimento da vida, segue sendo necesaria e imprescindible para o mantemento dunha correcta homeostase a través dos distintos mecanismos que regulan a inxesta, a absorción, o paso do intersticio á célula e desta ó intersticio, así como as diferentes vías de excreción.

Pero o home vese na necesidade de acercarse de novo á auga doutra forma, consciente e voluntaria, nun intento de buscar remedio a moitas das súas doenzas ou, alomenos, poder mitigar os procesos patolóxicos que lle aflixen, da mesma maneira que sempre utilizou diferentes tipos de plantas co mesmo fin terapéutico. A observación dos resultados enseñoulle que debe evitar interferir na exquisita regulación dos mecanismos que regulan a homeostase cun mal uso ou abuso das distintas augas que utilice.

É, precisamente, esta observación o que lle permitiu evidenciar que algúns mananciais de auga son beneficiosos para a súa saúde e o seu benestar e fai uso dela, en tanto que outro tipo de auga non o é tanto e que, incluso, pode ser prexudicial. Valora a auga como axente que pode remediar as súas doenzas e, polo tanto, inquiétalle a necesidade de saber de onde procede cada tipo de augas, a súa ubicación, a composición das mesmas e, por suposto, as técnicas que debe usar para a aplicación deste proceder terapéutico co mínimo risco.


Procedencia das augas termais.- Agradaríame facer unhas poucas anotacións: As grandes civilizacións propuxeron explicacións diferentes e propuxeron teorías sobre as orixes moi distintas: así, a civilización grega supoñía que as augas dos mares pasaban por canles subterráneas que as levan ó interior da Terra onde se almacenan nunha gran cavidade (tártaro) e, ó ser sometida a moi altas temperaturas, convértense en vapor de auga, o que lle permite separarse dos solutos e logo, ascendendo cara á cortiza terráquea, vaise enfriando e condesándose ata chegar de novo á forma líquida para fluír a continuación como auga doce polo cauce dos ríos, voltando de novo unha parte ós mares, outra parte evaporaríase para formar as nubes, en tanto que o resto infíltrase na terra. Pola contra, a civilización romana, concretamente Vitrubio, explicou e defendeu a orixe da auga terrestre secundaria á infiltración que permitía que as augas procedentes das precipitacións atmosféricas, froito da evaporación anterior de grandes masas de auga, non só se incorporase ós cursos fluviais, senón que podería infiltrarse e acadar, así, zonas profundas formando grandes depósitos naturais; esta explicación concordaría ben e de forma moi axeitada co concepto actual do “ciclo hidrolóxico”. (figura 2)


Masa de auga total da Terra
(océanos, mares, lagos, ríos,...)

calor
flúe sobre a cortiza terrestre
cara ós océanos, mares,...
evaporación da auga

frío infiltra a terra con
distintos destinos
(acuíferos, mananciais,...)
condensación, nubes, chuvia

Figura 2: Ciclo Hidrolóxico

Actualmente acéptase que as augas mineromedicinais son de orixe mixta, é dicir, unha mestura de augas primitivas e augas de infiltración: caracterízanse as primeiras por emerxer en terreos ricos en manifestacións volcánicas ou con filóns metálicos, que flúen con caudal constante e temperaturas elevadas, e, asemade, cunha composición constante de solutos; en tanto que as segundas caracterízanse porque os mananciais xorden en calquera terreo, con caudal variable estacional e con temperaturas inferiores ós 30ºC, sendo a concentración de solutos inversa ó caudal; pois ben, sexa cal sexa a súa orixe, dende o punto de vista de augas mineromedicinais o que interesa é que, a través do seu paso polas diferentes capas máis ou menos profundas, máis ou menos superficiais, as augas mineralízanse en proporcións distintas o que lle dará a súa composición específica en cada manancial hidrotermal e, en función diso, será a súa utilización con fins de balneoterapia nas diferentes patoloxías.

APLICACIÓNS DAS AUGAS MINEROMEDICINAIS.

     Eficacia das curas termais:
     Entrados no século XXI é necesario e obrigado preguntarse, ¿son as curas termais realmente eficaces no tratamento de enfermidades?. A realidade dos feitos, e así ocorreu a través de centos de anos, acreditan as augas mineromedicinais como axentes terapéuticos eficaces cando, como calquera outro medio terapéutico, é utilizado debidamente aínda que non sexa fácil xustificar esta eficacia. Pero non todos pensan o mesmo: nos tempos actuais, o valor terapéutico das curas termais varía na súa aceptación, dependendo do país que consideremos: e así, os paises anglosaxóns, USA, Xapón,... non as consideran con poder beneficioso dende o punto de vista terapéutico, en tanto que outros tales como Francia, Italia, Rusia e os paises do Este de Europa si as consideran con poder beneficioso para a saúde e, tanto é así, que moitos deles son da opinión de que os Estados deberían sufragar os custos da balneoterapia con cargo ós Sistemas Públicos de Saúde.
     O termalismo ten que deixar de estar sustentado tan só na confianza dos usuarios, na súa credulidade e no hábito dunha práctica repetida. Faise necesario recabar, cada vez máis, novas bases na procura de razoamentos puramente científicos sobre todo nestes momentos nos que no campo das novas terapéuticas e das innovadoras técnicas cirúrxicas se solucionan problemas que non tiñan resposta eficaz poucos anos atrás.
     Así, os estudios estadísticos rigorosos feitos, sobre todo nos países con gran tradición termal (Francia, Italia e case que tódos os países do Este de Europa), baseados en estrictos criterios médicos e económicos, poñen de manifesto que as curas hidrotermais supoñen un axente coadxuvante para os poderosos medios terapéuticos actuais.
     En resumo, podemos dicir que as curas hidrotermais constitúen un proceder terapéutico respaldado por varios séculos de utilización e, precisamente por isto, debe ser analizado e considerado coa óptica dos tempos modernos para, se esto é así, verse sancionado e confirmado por controis totalmente obxetivos

 

VALORACIÓN DO EFECTO TERAPÉUTICO DAS AUGAS MINEROMEDICINAIS:

     É difícil valorar os posibles mecanismos de acción das augas mineromedicinais pola complexidade propia deste axente terapéutico, tanto máis porque ós posibles efectos das augas en función das técnicas de aplicación únense os propios derivados das circunstancias ambientais, condicións do propio manancial, influencias subxetivas do usuario, ... e, aínda que van quedando lonxe os tempos do empirismo, moitas veces valórase a súa aplicación e resultados sen o apoio de rigorosas bases científicas.
     Os efectos da aplicación terapeutica das augas mineromedicinais teñen que producir no organismo de quen as use os efectos propios dos seus compoñentes mineralizantes (estimulación da secreción e da motilidade gástrica das augas cloruradas, estimulación do peristaltismo intestinal e colagogas das augas sulfatadas, antiacidez e alcalinización do medio por parte das augas bicarbonatadas, estimulantes da eritropoiese das ferruxinosas,...). Como moi ben apunta algún autor sobre a medición dos efectos das curas hidrotermais, “deixar a valoración dos feitos e resultados ó chou sen unha explicación axeitada dos mesmos debe ser esquecido: débense cuantificar os resultados facendo uso das mesmas ferramentas que para calquera outra terapéutica:
     a) recollida de datos, debéndose contemplar a historia clínica, unha análise rigoroso das técnicas utilizadas, doses, tempo de utilización, posibles efectos secundarios da terapia hidrotermal, protocolo de seguimento.
     b) Dispoñer dun rápido acceso ós datos.
     c) Igualar e normativizar a terminoloxía.
     d) Deseñar estudios multicéntricos con carácter prospectivo.

     Só así se poderán seguir de maneira obxectiva as indicacións, técnicas de aplicación e os resultados das curas hidrotermais.
     Neste senso reafírmase a OMS (1982) ó sinalar que “... a evaluación clínica da terapeutica hidromineral debe ser conforme ós principios internacionais admitidos para a evaluación dos medicamentos”.

Efectos adversos e efectos calaterais ou secundarios das curas hidrotermais:

     As augas mineromedicinais, como calquera outro medicamento, poden causar trastornos en quen as recibe, xa sexa por error de indicación, dosificación non axeitada, efectos colaterais non desexables… O erro de indicación é consecuencia, xeralmente, dun mal diagnóstico.
     Cando se producen, estes efectos colaterais son propios e específicos de cada tipo de auga mineromedicinal: en procesos reumatolóxicos podemos asistir a un recrudecemento do cadro clínico segundo sexa a dosificación, técnicas de aplicación,... Débese ter moi en conta que, neste tipo de curas hidrotermais, as accións conqueridas sobre o organismo son de mera modificación cuantitativa funcional, sendo excepcional que os órganos danados volvan á normalidade: así, cunha auga alcalina melloraremos a acidez gástrica pero non curaremos a úlcera gastroduodenal.

 

TERMALISMO SOCIAL:      

     Cada vez con máis forza está emerxendo en diferentes países o interese polas curas termais, acuñándose o concepto de “Termalismo Social”, que contempla que institucións como a Seguridade Social ou outros Organismos Estatais pertinentes se fan cargo dos custos parciais ou totais que condicionan ós enfermos sometidos a este tratamento. Nos países nos que está máis arraigado o tratamento hidrotermal considérase que o beneficio que reporta a múltiples e distintos procesos patolóxicos é obvio. En estudios moi rigorosos actuais sobre curas balnearias as valoracións sobre a eficacia nos procesos reumáticos crónicos, otorrinolaringolóxicos, respiratorios,... foron positivos non só para os enfermos senón na repercusión que teñen sobre a actividade laboral dos usuarios, o que supón que a Seguridade Social consiga a cambio dun 1% de custo nestes tratamentos unha redución de ata un 40% de custo medicofarmaceutico e unha redución dun 30% do absentismo laboral
     Este interese acada cotas elevadas na indicación das curas termais en suxeitos de idade avanzada nos que a pluripatoloxía e o envellecemento condroarticular poden beneficiarse particularmente obtendo unha considerable melloría funcional evitando, así, situacións de pasividade e abandono na poboación da terceira idade.

Bibliografía:
1.- Robert F. Pitts:.Chapter 2: Volume and Composition of the Body Fluids 11 – 35. Physiology of the Kidney and Body Fluids. Year Book Medical Publishers Incorporated. Third Edition. 1974.
2.- Emanuel Goldberger: Chapter 1: The Body Water. A Primer of Water, Electrolyte and Acid-Base Syndromes. Lea and Febiger. Philadelphia. Fourth Edition. 1970.
3.- Armijo Valenzuela, M., San Martín Bacaicoa, J.: Curas balnearias y climáticas. Talasoterapia y Helioterapia. Editorial Complutense. Primera Edición. 1994.
4.- Rose B.D., Post T.W.: Capítulo 7: Regulación del equilibrio hídrico y electrolítico.Trastornos de los electrolitos y del equilibrio ácido – base. Ed. Marbán. Edición española de 5ª Ed. original Am. 2002

 

Hola Amig@s...


"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador