galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> Ïndice de Artigos de ágora do Orcelón

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES
ÁGORA DO ORCELLÓN

Inicio
Ïndice de Artigos de ágora do Orcelón
 

O castelo de Orcellón no centro da crise social e política de Galicia nos comezos do século XII.

 

José Barreiro Somoza. Universidade de Vigo.

 

1.- Castelo e terra de Orcellón

     As noticias documentais deste período, coñecidas ata agora, sobre o castelo de Orcellón son máis ben escasas, aínda que relevantes. Este castelo amósase como estratéxico nos comezos do século XII. A función dos castelos nesta época era a de centro administrativo e defensivo dun territorio. O seu tenente, normalmente un membro da mediana nobreza, era o responsable no nome do rei ou doutro grande señor de ambas dúas funcións. Nesta época as terras de Orcellón, xunto co seu castelo, é de xurisdicción rexia, pois a raíña Urraca aparece como indiscutible titular do mesmo.

     Nos séculos XII-XIII renóvanse en Galicia antigos castelos e eríxense outros novos, igual que en xeral no Occidente europeo, para garantir a seguridade das terras, burgos e cidades, e para fornecer o réxime señorial tanto no eido xurisdiccional como no de maximización das rendas das terras. Todos estes casos aparecen documentados. Pola contra, nas mencións desta época sobre o castelo de Orcellón non existe referencia ningunha sobre a súa construcción recente ou mellora importante, polo que cabe pensar que a súa orixe viña de antigo como consecuencia dun poboado castrexo fortificado na crise final do Baixo Imperio romano. Época esta na que a verba civitas é sinónima de poboado moi fortificado dende o que, á súa vez, se controla e administra un territorio de poboados adxacentes. Polo demais, sempre que o nome dun castelo está asociado ó dunha Terra, a circunscrición desta é antiga na súa delimitación. Pascual Madoz inclúe a freguesía de Cidade no conxunto de parroquias integrantes da xurisdicción de Orcellón, e por isto cabe pensar que dito topónimo derive, posiblemente, da antiga civitas, nomeada castelo na Idade Media que co seu poboado directo era a cabeza das terras de Orcellón. O castelo de Orcellón foi derrubado polos Irmandiños no século XV (1467).

     A antigüidade das terras de Orcellón vén dada tamén por constituír, xa no século XII, un arcediago da catedral de Ourense, pois o nome destas circunscricións eclesiásticas proviña en Galicia sempre de denominacións máis antigas e ben definidas polas súas características propias, vencelladas na meirande das súas veces con elementos identificativos que tiñan os seus moradores. Os homes e as terras camiñan en Galicia xuntos ó longo da historia nas sociedades tradicionais.

     O comezo do afianzamento de Orcellón como terra é, posiblemente, consecuencia da repoboación de Galicia por asturianos no reinado de Afonso III (866-910). Lémbrese o poboado de Astureses. Isto outorgaralles ós reis de León importantes propiedades en Galicia, das que existen sobradas mencións documentais xa no século X na Terra de Castela, que ten a Ribadavia ourensá como centro, e nos seus contornos. Vermudo II, rei de Galicia (982-84) e de León (985 - 999) sentirase seguro e cómodo na súa residencia de Laias (Cenlle).

     As primeiras mencións documentais que, polo de agora, se coñecen sobre as terras de Orcellón son do século XI e proceden do cartulario de Carboeiro en relación con propiedades que este mosteiro tiña adquirido no Orcellón. Á súa vez, coa introducción no século XII do sistema eclesiástico parroquial, do que esta terra conserva boas testemuñas de igrexas románicas, integradas no arcediago de Orcellón, fortalécese a súa consolidación como Terra con xurisdición propia. A xurisdicción de Orcellón persiste ata 1821 (Trienio Liberal), ano no que se descompón en catro concellos constitucionais (Brues, Laxas, Boborás e Albarellos), fusionados no único de Boborás en 1835, no que se inclúe a parroquia de Astureses.

     As terras de Orcellón esténdese na franxa noroeste da actual provincia de Ourense. Limita polo Norte co Irixo ó Leste, co Carballiño ó Oeste, co territorio máis alto de Beariz e deriva para o Sur de cara a Avión e Leiro (Castela ourensá) onde remata. A súa delimitación debuxa unha morfoloxía case triangular, semellante á dunha grande orza dun navío. Conta con varios cursos de augas, entre eles os dos ríos Viñao e Arenteiro, que entre todos eles conforman o río Avia que asuca ó Orcellón para ir morrer ó Miño. Quedan testemuñas de pontes, xa existentes na Idade Media sobre o Avia e Arenteiro, que sinalan camiños antigos de doado control en determinados puntos angostos e serpeantes á medida que soben polas ladeiras montañosas, formaban parte da rede viaria secundaria romana que, procedendo da ribeira do Miño, se encaraban dende o Orcellón para as Rías Baixas, Santiago (94 kms) e con ramais que levan a Lugo dende o Carballiño.

     A economía do Orcellón é na Idade Media de base neolítica, con cultivos de cereal e cría de gando en réxime de semiliberdade, con algo de videiras na parte que baixa para o Sur, xunto co aproveitamento de pastos naturais, soutos e carballeiras. Os abundantes cursos fluviais favoreceron a instalación de muíños. Á falta de estudios precisos polo de agora, cabe interpretar que a constitución nesta terra dun arcediago supoñía de entrada unha certa prosperidade, xa que o cóengo teenceiro tiña asegurados nas respectivas freguesías os cobros dos décimos e outras rendas. Este tipo de economía tradicional persistiu ata ben entrado o século XX, coa variante da introducción do millo no século XVIII gracias ó seu clima de influencia atlántica, que fixo rica, tamén aquí, á fidalguía intermediaria polas rendas dos novais ou de froitos novos, como era o millo, do que dan fe as construccións civís dos pazos que abundan nesta terra.


2.- A crise política e social de Galicia.

     Os elementos desta crise son ben coñecidos, aínda que susceptibles dunha meirande profundización, se se conxugan polo miúdo todos os seus factores nunha monografía, que teña como marco os derradeiros anos do reinado de Afonso VI e o azaroso e fráxil reinado da súa filla Urraca (1109-1126), de aberta guerra civil e alianzas conxunturais e contradictorias que contribuíron a obnubilar o seu xuízo sobre o papel que podería ter o seu fillo, o futuro rei Afonso VII (1126-1157) así como os nove primeiros anos do reinado de Afonso VII, nos que con graves dificultades vai impoñendo a súa condición de rei, recupera os territorios de Castela sometidos ó poder do seu padrasto Afonso Batallador de Aragón e establece acordos co condado de Portugal que termina independizándose como reino no 1143.

     O cerne desta crise atópase na alongada debilidade no poder rexio durante case tres décadas, aproveitada polas distintas capas e castes ben pechadas da nobreza para medrar, asentar a inmunidade fronte ó poder rexio nos seus dominios señoriais e acadar novos privilexios, espertando nelas con tal conxuntura os xermes latentes de vello dunha meirande independencia tanto en Galicia como en Castela, producíndose diferentes alianzas e incluso irmandades nobiliarias, con súbitos cambios de bando, segundo os seus respectivos intereses se vexan en cada intre máis favorecidos.

     O poder rexio, abatido polo desamparo nobiliario, complementa os seus diminuídos exércitos tradicionais, de estructura vasalático-señorial, con soldados semiprofesionais (milites estipendiarios), integrados polas capas máis baixas dos cabaleiros. E, de igual xeito, actúan algúns grandes señores como o arcebispo Diego Xelmírez.

     A raíña Urraca e tamén o seu fillo Afonso VII botan man, para pagar as soldadas, das rendas e bens das igrexas e mosteiros ata límites extremos e azurran os levantamentos dos burgueses fronte ós seus señores eclesiásticos que, para resarcirse, tiñan que manter os malos usos de extracción de rendas e aprazar o cumprimento das promesas de bon goberno, o que producía unha carestía crecente da vida nos burgos e cidades, sempre activos para tomar partido polo mellor postor, acudindo coas súas milicias ou mediante a compra con diñeiro das vontades rexias.

     O campesiñado galego foi a víctima máis importante desta crise, pois tivo que aguantar a violencia dos señores enfrontados en bandos contrapostos e as malfeitorias doutros metidos a tarefas de rapina ó abeiro da inestabilidade política xeral; sufriron nas ricas zonas do litoral galego das Rías Baixas as incursións dos piratas almorávides, os asaltos e razias dos exércitos portugueses nas terras da Limia e do Baixo Miño, entre outras das fronteirizas co condado de Portugal, amais de verse sometidos ó pago de décimos e outros tributos derivados da introducción do sistema parroquial e da implantación do novo Dereito eclesiástico. Neste contexto apuntan tamén as revoltas campesiñas e incluso unha Irmandade campesiña espertada pola pequena nobreza, relegada en crónicas como a Compostelana a un segundo plano do relato histórico inspiradas na ideoloxía cluniacense que non outorgaba protagonismo histórico ó campesiñado, ó tempo que os mosteiros cluniacenses exerceron, tamén nesta época unha redobrada presión señorial sobre os seus campesiños no conxunto dos reinos occidentais hispánicos.


3.- O castelo de Orcellón no primeiro cuarto do século XII

     A violencia que se deriva desta crise acada momentos álxidos nos que non se respecta nana a orde establecida e tampouco os seus máis importantes símbolos, sexan os do poder rexio, o do estatuto da alta nobreza e o dos máis importantes dignatarios eclesiásticos, pois todos eles son derrubados e vilipendiados en determinadas ocasións sen temor momentáneo ningún, pois non en van é esta a primeira grande crise e, quizais, a máis fonda na historia do reino de Castela-León.

     É no devandito contexto no que, con turbulenta grandeza, emerxe para a historia o castelo de Orcellón que, igual que o de Lobeira no Salnés, cumpre un papel destacado a prol da raíña Urraca que, no ano 1121, retén no de Orcellón en prisión nada menos que ó arcebispo Xelmírez, pese a que tiña acadada a Legacía Pontificia para a súa persoa e ó que un ano antes a raíña lle outorgara as atribucións de conde de Galicia (totius Gallecie dominium) para separalo sen éxito do partido do seu fillo (Afonso VII) e do seu titor Pedro Froilaz, conde de Traba, o máis poderoso dos nobres galegos).

     A raíña Urraca pretendía expresamente privar a Xelmírez do señorío da Igrexa de Santiago e, tamén, da propia sede xacobea, co propósito de minguar o partido do seu fillo e beneficiarse das rendas de ambas as dúas entidades. O seu propio pai, o rei Afonso VI, fixera o mesmo co bispo de Santiago Diego Peláez que engradecera ó pai de Xelmírez e o puxera á fronte do señorío desta Igrexa. Con tal propósito trasladouse a raíña para Compostela e mandou levar ó arcebispo para o castelo de Cira, nas proximidades do río Ulla e, polo tanto, na fronteira co couto do señorío de Santiago (pretendendo con tal acercamento recabar a renuncia de Xelmírez, mediante posiblemente mensaxeiros do propio cabido metroplitano, apoiados por un sector importante da burguesía compostelana ós que lles podía ofrecer unha meirande autonomía na cidade señorial de Santiago).

     Estes tempos eran outros ben diferentes dos elixidos por Afonso VI para destituír a Diego Peláez, promovido a bispo no 1070 polo seu irmán Sancho II. A prisión de Xelmírez só durou oito días. A raíña Urraca foi cercada na catedral de Santiago polos homes do conde de Traba e polos cidadáns. A propia burguesía requírea para que solte e indemnice ó arcebispo, feito do que a raíña se queixará dous anos despois.

     Xelmírez tiña, ademais, outros poderosos aliados e valedores. En primeiro lugar, a poderosa Orde de Cluni, á que contribuía con importantes donativos, e que de seu era temerosa do ascenso social da burguesía no seo do sistema feudal. Por outra banda, Afonso Raimúndez (Afonso VII), fillo do Conde de Galicia Ramón de Borgoña, tiña o seu tío paterno, Guido, como Papa en Roma dende 1119 co nome de Calixto II, quen con toda a poderosa familia da Casa de Borgoña presionara con importantes donativos a Xelmírez para garantir os dereitos rexios do seu sobriño, e a tal efecto lle acaba de outorgar a dignidade de metropolitana para a Igrexa de Santiago e a Legacía Pontificia a Xelmírez. Calixto II chegou a ameazar a dona Urraca coa excomuñón, co entredito para todo o reino e incluso coa convocatoria dunha cruzada na súa contra.

BIBLIOGRAFÍA
Lucas Álvarez, M., La colección diplomática del monasterio de Carboeiro. Compostellanum III. 1958.
Recuero Astray, M., Alfonso VII, Emperador. León, 1979.
López Ferreiro, A., Don Alfonso VII, rey de Galicia y su ayo el Conde de Traba. Santiago, 1885.
Lacarra, J. Mª., Alfonso el Batallador. Zaragoza, 1978.
Ramos y Loscertales, J. Mª., La sucesión del rey Alfonso VI. Anuario Hª del Derecho Español, XIII (1936-1941) 37-99.
Para máis información:
Barreiro Somoza, J. :
-El señorío de la Iglesia de Santiago (s. IX - XIII). Deputación da Coruña, 1987.
-A tensión dialéctica entre burguesía e señores feudais nas primeiras formacións burguesas de Compostela. En VV.AA., Dende Galicia: Marx. 1985.
-As voces, entre outras, da Gran Enciclopedia Gallega, sobre: “Gelmírez. Santiago”.
-“A realidade diferenciada do feudalismo galego” (s. IX-XII). Grial. Anexo I Historia. Vigo, 1982.

 

Hola Amig@s...


"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador