Galicias.com: unha casa para todos

FOTOS
FRASES
RILLAMILLAS
CAMBA
VIAAURIA
CAMIÑO SANTIAGO
CRÓNICAS DE CARBALLIÑO
COMERCIOS DO CARBALLIÑO
POTIÑOS
INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES
Isto foi o que Manolo Rivas leu no palco o día 1 de decembro no Obradoiro con ollos chorosos, na manifestación máis grande da historia de Galiza
NUNCA MÁIS

Gracias irmáns:
Aquí está a dignidade, aquí está a conciencia libre, aquí está un pobo vivo, aquí está a honra de Galicia.

Si, gracias irmáns:
Nós tamén invocamos hoxe aquí a protección do Santiago Apóstolo, de Prisciliano, de Santo André de Teixido, da Virxe do Carme, nai e señora da xente do mar, pero invocamos sobre todo a forza do pobo, a capacidade cívica, democrática, de nós mesmos para afrontar responsablemente e con coraxe esta situación de emerxencia, sen que se nos oculte a realidade, sen que se secuestre información, sen que falte á dignidade pretendendo acalar as verdades cun tintinar de moedas.

Si, gracias irmáns:
Gracias a todos os que viñestes do Eo ao Miño, gracias especialmente ás familias do mar que están aquí, co peso da dor e destas noites de vixilia sobre os seus ombros, e gracias tamén moi especiais a esa humanidade sensible, alerta ao sufrimento da xente e da destrucción da natureza, que dende todo o mundo ten enviado o seu abrazo solidario e amosa o seu noxo e horror polo que acontece no mar de Galicia. Un mar fonte de vida, un excepcional ecosistema, o máis precioso horto da creación, velaí o tedes, en permanente ameaza, convertido nun vertedoiro de velenos, machacado pola cobiza duns e o desleixo, o abandono doutros.

Convocados aquí, dunha maneira libre e unitaria, en marea cívica fornte á marea negra do Prestige e na crise e na emerxencia en que Galicia está asolagada: Esiximos a declaración de Galicia como zona catastrófica. Trátase dun desastre de dimensións nacionais. Cómpre, pois, a inmediata dotación de recursos de todo tipo para reparar as graves consecuencias económicas, sociais, medio-ambientais e para a saúde provocadas por este sinistro. O que precisa Galicia non son remendos paliativos senón plans a longo prazo que contemplen o binomio tan estreitamente relacionado de protección do medio ambiente e o emprego e benestar da poboación.

As institucións españolas, a Comunidade Europea e os organismos internacionais deberían contemplar tamén a existencia do que poderiamos chamar unha Débeda Histórica de Catástrofes, pois temos sufrido xa seis catástrofes deste tipo e de gravísimas dimensións en trinta anos, e é unha responsabilidade a asumir polas institucións galegas o demandar esas compensacións históricas. Non só quen contamina debe pagar senón tamén quen obtivo e obtén beneficios, as petroleiras deberían pagar.

Reclamamos para Galicia a inmediata posta en marcha de mecanismos de prevención que impidan que a catástrofe vaia en aumento, coa posta a disposición dilixente dos medios económicos e loxísticos para impedir a contaminación de novas zonas, a intensificación nas xa contaminadas e a limpeza e a restauración medioambiental da costa.

Reclamamos para Galicia a adopción de medidas determinantes, ben concretas, por parte do Goberno central e da Xunta para que feitos como este non se volvan a repetir nunca máis. Medidas para impedir xa, e é o momento agora, por respecto ao loito do mar, o paso de buques que non reúnan as garantías de seguridade, apartar o corredor marítimo e establecer un control estricto do tráfico e do almacenamento de mercadorías perigosas.

Reclamamos para Galicia a dotación dun verdadeiro dispositivo de salvamento, dun plan de emerxencia e dun operativo de reacción inmediata para loitar contra a contaminación mariña, con remolcadores axeitados e con buques anti-contaminantes. Aqueles que presumen de potencia mundial, ¿non lles cae a cara de vergoña ao ver que aí, cunha nova marea negra nas nosas costas, non hai un só buque anti-contaminante con pavillón español?

Reclamamos para Galicia a ubicación nesta costa da Axencia Europea para a Seguridade Marítima.

Reclamamos que se impulse unha lexislación internacional que acabe con este tipo de capitalismo delincuente, amparado na comenencia e nos paraísos fiscais, que estraga a vida dos pobos e dos verdadeiros paraísos do mar e da terra.

E rematamos:
O sinistro do Prestige e o ocorrido despois, pón en evidencia dun xeito inapelable a inexistencia de medidas de prevención axeitadas, a ausencia de plans de emerxencia para facer fronte a este tipo de catástrofes, a improvisación e descoordenación nas tarefas de salvamento e loita contra a contaminación e a total escaseza de recursos técnicos e humanos para facer fronte a este tipo de situacións.

Denunciamos as responsabilidades derivadas destas deficiencias. Reclamamos a demisión das autoridades que coa súa ineficacia e irresponsabilidade non souberon impedir que o accidente tivese as peores consecuencias. Dicímolo no código do mar: Delta India Mike India Serra India Oscar November: Dimisión. É nas situacións críticas cando os gobernantes teñen que estar a carón do pobo, informando realmente, nos medios e no Parlamento, e activando os recursos dun país.

Polycommander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo.... e agora Prestige. Xa non queremos contar máis. Xa abonda. Xa estamos petroleados ata as praias da alma. Galicia, mobilizada de exemplar, conseguiu nos anos oitenta que se pechara o vertedoiro de residuos radioactivos, o cemiterio nuclear, fronte á costa de Fisterra. Pois ben. Hoxe dicimos: NUNCA MÁIS. Que non se desprecie máis este S.O.S dun pobo canso de aturar e sufrir. Que se escoite en Santiago, Madrid e Bruxelas. Que se escoite onde se teña que escoitar.

Galicia é hoxe a humanidade que berra: ‘Nunca máis!’.

Manifesto final da marcha de Santiago. 01/11/2002.

 

  pie index fotos Hola Amig@s...


"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)

"No me resigno a que, cuando yo muera, siga el mundo como si yo no hubiera vivido" (Pedro Arrupe)


  Engadir galicias.com a Favoritos  

Inicio de Galicias.com

Fotos de Galicia   Galego   español    English

Benvid@, estás na túa casa

©Juan Rúa. Contador