Cando eu era neno, xa fai moito tempo, vivía en Camba unha rapaza que se chamaba Caperucita, Caperucita de Camba. Era unha nena moi fermosa e moi espabilada. Vivía no fondo do pobo, no Quintairo, nunha casiña de pedra, con teito de lousa, xunto cos seus pais, Xosé e María. Tiña unha aboa que se chamaba Andrea, que vivía no alto do pobo, na primeira casa que se atopa vindo da Serra e baixando pola Costa.

A tía Andrea (que así lle chamábamos todos no pobo) era moi vella. Naide sabía certamente cantos anos tiña, porque non había no pobo naide tan vello coma ela, e naide podía lembrarse de cando ela nacera. Algúns incluso decían que nacera ó mesmo tempo que o pobo de Camba, e outros chegaban incluso a pensar que vivía dende sempre, dendo o principio do mundo. En calquera caso a tía Andrea era tan sabia como vella. Sabía todo de todas as cousas. E sobor de todo sabía contar moitos e moi fermosos contos.

Por eso, a Caperucita gustáballe moito ir para a casa da súa aboa Andrea. En canto podía, saía de casa, e subía correndo polo carreirón das Millaras, y nun santiamén plantábase na casa da abóa Andrea. E alí sempre había mais rapaces, todos eles dispostos a aprender e a pasalo ben.

Alí, cada día era diferente. Había unha lareira, unha pedra moi grande no chau, enriba da cal había un lume eternamente aceso. Ardían os torgos e as rachas de carballo. Ardían e ardían, e parece que endexamais se acababan. Coma se sempre houbera a mesma leña e o mesmo lume. Había dous grandes escanos de madeira, non sei moi ben se de carballo ou de castiñeiro; e había tamén unha arca pequena e fermosa, chea de segredos. A tía Andrea sentábase na arca, e os rapaces nos escanos. Ela contábanos cousas e contos. E nos escoitábamos coa boca aberta. Para cada día tíña unha historia diferente. As veces falábanos da xente que vivira en Camba nos séculos pasados e das fazañas grandes e pequenas que fixeran; un día falábanos da forza grande que tiñan algún homes, coma o tío Miguel, que collía un carro polo piñallo e levantábaio no aire cunha soia mau; outras veces falábanos das prantas, e das propiedades curativas e mediciñais que cada unha tiña; outros días falábanos dos animais; etc.

A casa da tía Andrea era a primeira chegando ó pobo dende a serra. E por iso alí tíñanse gardado moitas veces nos duros invernos os animais salvaxes que viven na serra. Cando había neves moi grandes baixaban os corzos, os cervos, e mesmo os lobos, e petaban na porta da casa da tía Andrea. I ela deixabaos entrar a todos, para que se quentasen na cociña. E se tiña algo que dárlles de comer, dáballo. E alí se xuntaban os lobos coas ovellas, coas corzas e cos cervos, e os raposos coas galiñas, e os gatos cos cans e cos mesmos ratos, sen que ningún animal lle fixese mal a outro. Porque todos os animas querián e respetaban moito á tía Andrea, e todos sabían que dentro da sua casa non estaba permitido facerlle mal a ningén.

As veces mesmo estábamos na cociña os rapaces mezclados cos lobos, cos cervos e coas corzas. E todos escoitábamos coa boca aberta as cousas que a tía Andrea nos contaba. E da súa boca aprendemos todos a historia do pobo, e o significado das cousas e da mesma vida.

Todos os rapaces lle queríamos moito a Caperucita, e todos queríamos ser amigos dela, para ir xunto con ela para a casa da súa abóa.

E, cando chegaba o bó tempo, os amigos de Caperucita facíamos outras moitas cousas xunto con ela. As veces íbamos ó monte a buscar niños de paxaros. Outras veces ibamos buscar froles. Outras veces .....

Hai centos e centos de historias que contar da vida en Camba nos tempos da nena Caperucita e da súa abóa Andrea. ....

Pero por hoxe xa non vos vou a contar nada mais. Deixo que a vosa imaxinación invente conmigo a historia daqueles tempos. ..........................

Supoño, Teresa, que todo o anterior che parecerá un pouco estraño. Che expico. Caperucita de Camba é un conto que eu fun inventando e improvisando ó longo de varios anos, para contarlle cada noite antes de dormilas ás miñas duas fillas unha historia de Camba; e cada noite lles inventaba sobre a marcha unha historia das andanzas de Caperucita e da súa abóa Andrea e do lobo bo que falaba coa xente e dos amigos de caperucita e das vacas e das ovellas que tamén falaban e das excusión ó Invernadeiro e ó Rocín e de mil e unha cousas mais ..... Eu o único que quería era despertar nas miñas fillas o amor á terra real-imaxinaria de Camba. E para falarlles de Camba, e das cousas que eu vivira ou soñara de neno, inventei un conto de Caperucita de Camba, que me durou varios anos, pero que hasta hoxe nunca o escribira, senón que o improvisaba cada noite. Dende logo que o conto de Caperucita de Camba que lles contei foi moito moito moito mais longo que o que escribín hoxe.

Unha aperta.