Galicias.com: unha casa para todos

COMERCIOS DO CARBALLIÑO
INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

AS PITAS

Segunda metade do século XX. Estamos en Camba, un pobo pequeno, deitado nas serras altas do Concello de Laza. Un pobo illado, incomunicado, con autarquía económica, baseada na gandeiría e na agricultura. Casi todo o que se produce vai destinado ó consumo dos animais ou da xente. Hai tamén unha pequena industria: cultivo e tecido do liño para facer camisas, sábanas, manteles, ....; emprego da lá das ovellas para facer calcetíns, mantas, mantóns, e roupas de abrigo; traballo da madeira do vidueiro e do coiro das vacas curtido para facer zocos. .... A maior parte da xente adícase ó coidado do gando e ó cultivo das terras. Pero hai tamén uns poucos privilexiados que teñen un oficio e levan unha vida mais folgada: son o mestre, o crego, o xastre, o carpinteiro, os albaneis, ..

A supervivencia do pobo aséntase nuns poucos animais: vacas, ovellas, cabras, mulas, burros, porcos, pitas, ..... e para de contar. A vaca e o porco son os pilares fundamentais. Sin eles a vida en Camba sería imposible. A vaca da leite, carne, e forza para tirar dos carros e para arar e traballar as leiras. Os tratores non existen. O porco da xamóns, touciños, chourizos, unto, soá, cachucha, dente, papada, rexós, .... Da punta do rabo á punta do fuciño, todo se aproveita. Sin él non habería qué comer.

Pero dentro da base da alimentación dos cambeses tamén teñen un posto imortante as pitas. Cada familia ten dez ou quince. Andan ceibes polo día, escarbando e comendo onde lles peta; e pola noite recóllense elas soias no galiñeiro e déitanse no puleiro. Cada pita volve pola noite á súa casa sin que naide a teña que ir a buscar. Son uns animais que case que non dan traballo, pois aliméntanse do que topan nos camiños ou nas fincas, e na casa comen as sobras da comida que se fai para a xente. E poñen ovos, que se empregan a diario na alimentación dos cambeses: ovos fritos con patatas, ovos cocidos, filloas, fritos, "ponche" de ovos batidos envoltos con viño ou con leite, bica, roscón, flan, ... Unha casa sin ovos é unha casa valeira.

Os ovos úsanse incluso como moeda en certas ocasións: Por exemplo cando o crego bendice as casas unha vez cada ano, póñenselle algúns ovos enriba da mesa que o sancristán recolle coidadosamente nunha cesta. Así se lles paga o traballo do crego e do sancristán.

E tamén se usan os ovos para pagarlle ó que mata un zorro ou unha zorra. Como as pitas andan ceibes ás veces ven a zorra e mátaas e cómeas. A zorra é o principal enemigo das pitas, e consecuentemente un importante enemigo dos cambeses. Por eso, o matar unha zorra é un beneficio grande para tódolos veciños. E hai unha vella costume no pobo: cando un veciño mata unha zorra xúntase cos seus amigos, e colgan a zorra morta nun pau longo, e paséana por todo o pobo, indo de casa en casa, pedindo ovos como premio ou paga por ter matado a zorra. E tódolos veciños lle dan ovos. Unha zorra morta é como un pequeno tesouro, ou como unha mina, ou como unha fonte momentánea de riqueza, ...

Normalmente en cada casa xunto coas pitas anda tamén un galo. As pitas son "polígamas", e con un galo chega para satisfacer as necesidades sexuais de dez ou vinte pitas. O galo non pon ovos. Canta e señorea. Naide se pregunta si o galo se ten para que as pitas estén contentas e sexualmente satisfeitas. Cicáis eso non é o que lles preocupa ós cambeses. Mais ben parece que o galo se ten para que os ovos das pitas sexan fecundos. De cando en cando apártase unha ducia de ovos que non se destinan ó consumo, senón que se poñen nun nino, e deitase unha pita para que os choque. E ó cabo de poucos días rómpense os ovos e de cada ovo sae un pitiño. A pita coidaos e ensínaos a vivir. Os pitos medran. Os que son machos mátanse e cómense o cabo de poucos meses. E os que son femias crianse para que se fagan pitas e poñan ovos. Se non anduvera un galo coas pitas os ovos non serían fecundos: servirían para comer ... pero non servirían para chocar e para dar vida a novos pitiños; ainda que se chocasen ... nunca medraría dentro deles unha nova vida.

E cando as pitas son vellas, e deixan de poñer ovos, mátanse e faise un caldo moi rico con elas. E cómese o caldo e cómese a carne da pita. Todo se aproveita.

Pero ....

Un día calquera alá polo ano 1970, mais ou menos, uns anos arriba ou abaixo, xúntase o concello en Camba. Hai que tomar unha decisión importante. Os veciños progresistas propón que se aprove a lei de encerrar as pitas. Os seus argumentos son os seguintes: as circunstancias están cambiando; cada vez se lles da mais impotancia ó cultivo das hortas; moitos veciños xa cerraron as súas hortas con tela metálica para que as pitas dos veciños non lles vaian escarbar a elas; as pitas fan moito mal nas hortas que están sin cerrar; e ademáis sae mais barato facer galiñeiros para encerrar as pitas que cerrar tódalas hortas.

A discusión "parlamentaria" é acalorada.

Os defensores das pitas ceibes teñen tamén importantes argumentos: a defensa da tradición e dos costumes dos vellos; a importancia das pitas na economía do pobo; a concepción das pitas como unha fonte de solidaridade entre os veciños, pois hai veciños que son pobres e non teñen horas pero sí poden ter pitas que andan ceibes polo pobo e que son a base do seu sustento; se as pitas se encerran estes veciños máis pobres non terán qué darlle de comer ás pitas e quedarán sumidos na miseria.

Ó final chega o momento da votación. E gañan os "progresistas": acordase que as pitas non poden andar ceibes, que hai que encerralas, e que cada quen lle debe dar de comer ás súas.

Tódolos veciños acatan a decisión da maioría. Incluso os que votaron en contra. Fanse galiñeiros con tela metálica e métense as pitas neles. Vai pasando o tempo e todos se acostumbran á nova situación, incluso as pitas. Pasados uns cantos anos incluso se considera normal que as pitas non anden ceibes. E as pitas, resignadas, aceptan a súa nova vida.

Esta importante decisión supuxo un gran avance para o pobo de Camba dende o punto de vista económico, pero, ás veces, cando un pensa e lembra aqueles tempos pasados nos que as pitas andaban ceibes, sinte un pouco de nostalxia, e hasta lle parece que agora se respira menos libertade. Non sei. Serán tonterías. Será que nos imos facendo vellos. Non sei. Non sei. Pero ás veces moitos botamos de menos aqueles tempos nos que en Camba as pitas .... e os nenos .... andaban ceibes.

(Juan 15-10-2004)

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)

"No me resigno a que, cuando yo muera, siga el mundo como si yo no hubiera vivido" (Pedro Arrupe)


  Engadir galicias.com a Favoritos  

Inicio de Galicias.com

Fotos de Galicia   Galego   español    English

Benvid@, estás na túa casa

©Juan Rúa. Contador