Galicias.com: unha casa para todos

COMERCIOS DO CARBALLIÑO
INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

AS CASTAÑAS

 

Unha das árbores máis fermosas que podemos atopar en Galicia é o castiñeiro, árbore nobre, querida e venerada por moitos pobos, que leva vivindo nas zonas templadas do hemisferio norte dende fai uns 40 millóns de anos, estendéndose por Europa, Asia e América.

Un castiñeiro centenario, en Cerdedelo, no souto de Oucedelo.

Si se enterra unha castaña no mes de novembro, a unha fondura dunha cuarta, pouco máis ou menos, poden pasar dúas cousas:
-
que a coman os ratos
-ou que xermole, botando un pequeno fío fora da terra, que pouco a pouco vai medrando, e que para a primavera empeza a botar xa algunha folla.. e logo vai medrando pouco a pouco: é un castiñeiro. Pasado un ano pode medir dúas cuartas. E pasados dous anos pode medir un metro. Logo sigue medrando paseniñamente. E, se a sorte é boa, ó cabo de nove ou dez anos pode dar xa as primeiras candeas, os primeiros urizos, e as primeiras castañas.

Decían os vellos que se se sementa a castaña do medio (das tres que normalmente ten un urizo) o castiñeiro que nacia pode dar castañas sin necesidade de enxertalo. Pero o máis normal é enxertar os castiñeiros, cando ten sete ou oito anos, con pugas dun castiñeiro que dea boas castañas.

No mes de abril os castiñeiros empezan a vestirse con follas grandes e fermosas, e no mes de xuño botan as súas froles. As floles masculinas son alongadas e chámanse candeas; e no punto de unión das candeas co talo da árbore está a flor feminina, que é un involucro con espiñas diminutas (cúpula), e que máis tarde dará lugar ó urizo. Das froles nacerán no mes de xullo os urizos, que irán medrando, e que alimentarán dentro deles, escondidas, as castañas. Os urizos vístense de picos, para defender o seu tesouro interior das mans dos impacientes.

As follas, as candeas, os urizos, e, dentro, escondido, o tesouro: as castañas.

Cando chega o mes de outubro abren as súa camisola os urizos e deixan caer as primeiras castañas. O labrego, que leva días agardando este parto, leva a noticia ós veciños, decindo: xa pingan as castañas. No mes de novembro caen as castañas e os urizos e secan as follas.

Cando maduran as castañas, os urizos van abrindo, e as castañas caen: xa "pingan" as castañas.

 

Algúns urizos caen enteiros ó chau, sin abrir. Este gardaba no seu interior tres fermosas castañas.

Entón empeza o tempo de coller as castañas: homes e mulleres aparellan as súas mulas, e diríxense ós soutos. (Chámaselle soutos ás fincas nas que hai castiñeiros).

Un souto, en Cerdedelo.

Unha a unha van collendo as castañas no chau e botándoias para un canastro. Cando se enche o canastro bázano nun saco. E cando se enche o saco átanlle a boca e cárgano na mula para levalo ó pobo.

Xente collendo nas castañas, en Cerdedelo

 

Un canastro de castañas.

 

Con unha saca de castañas ó lombo, sacándoia do souto.

E así un día detrás de outro. Os primeiros días hai poucas castañas. Despóis van caindo máis, pero tamén empezan a caer as follas e os urizos, e precísase andar con tino para non encher as maus de picos.

Pasados quince ou vinte días, cando xa non quedan castañas arriba, nos castiñeiros, faise o rebusco, removendo ben as follas e os urizos, e collendo tódalas castañas que aparecen.

¿Para qué sirven as castañas?. As mais pequeniñas e as que están vacías (bolecas) dánselle ós porcos, que as comen de maravilla. E as outras sirven de alimento para as persoas.

As castañas, xa na casa, bazadas no chau.

As castañas pódense comer de moitas maneiras:

-Recien collidas, pódense asar nun tixolo, para comelas, ben sexa soias con un pouco de viño, ben sexa con un pouco de chourizo, ou ben sexa migadas en leite. Nas noites de inverno, nos pobos interiores da Galicia profunda, é moi frecuente cear castañas asadas, con leite.

Asando as castañas no tixolo. Na primeira foto estánse empezando a asar; na segunda están a medio asar; e na terceira xa sirven para comer. Lóxicamente antes de comelas hai que quitarlle a casca: bullalas.

-As castañas verdes, tal como veñen da árbore, tamén se poden cocer nunha pota, con auga e un pouco de sal. Pódeselle botar tamén fiuncho, e, si se quere, un chourizo. E logo pelalas e comelas, soias, con chourizo, con carne ou con leite. Son as "castañas cocidas".

-Pero nos tempos en que a castaña era un dos compoñentes principales da alimentación de moitos pobos galegos, a maior parte das castañas que se collían nos soutos galegos botábanse nos canizos das cociñas, para secalas. Tódalas lareiras galegas tiñan enriba delas un canizo. O teito da cociña estaba formado por travesas de madeira separadas entre elas medio centímetro, deixando espacio suficiente para que pudese subir o calor e o fumo, sin que caisen as castañas. O mismo lume da lareira, que se usaba para quentarse e para facer a comida, servía tamén para ir secando as castañas que se botaban no canizo, encima da cociña. E, a partir do mes de nadal, tamén se curaban os chourizos que se colgaban en lareiros, por debaixo do teito da cociña.

De vez en cando había que subir ó canizo, para remexer as castañas, para que se secasen todas por igual.

Cando chegaba o mes de xaneiro e as castañas estaban ben secas, era o tempo de pisalas. Collíanse no canizo e botábanse nun cesto. Baixabase o cesto para o curro. E botábanse unhas poucas dentro dun zurrón de pisar as castañas, feito coa piel dun becerro, e deseñado xa especialmente para este destino. Entre dous homes novos que tuvesen forza collían u zurrón, un pola boca e outro polos pés, e bourábanlle duro enriba dun tallo de madeira, tamén deseñado especialmente para este menester. Dábanlle uns vinte golpes por un lado, e logo outros vinte golpes polo outro lado. Abrían a boca e miraban se lle caera ben a casca a tódalas castañas. Se non era así dábanlle uns poucos golpes máis.

Despóis bazában a piada na criba, e outro home movía con arte a criba facendo subir as castañas ó aire, de tal xeito que as castañas volvían caer verticalmente na propia criba e as cascas boaban co vento, quedando finalmente as castañas soias, brancas, limpas e sin casca. Estas castañas secas e fermosas botábanse nun cesto e logo bazábanse nunha arca onde se gardaban como un verdadeiro tesouro. Previamente separábanse as rotas e malas que se botaban aparte, noutro cesto e noutra arca, e que se gardaban para dárllelas ós porcos, que as comían con verdairo pracer. A estas castañas rotas ou malas chamábanlles "picaños" ou "picós".

As castañas secas eran duras. Pero eran moi ricas. Daba gusto meter unha na boca e chupala pouco a pouco como si fora un caramelo. Estas castañas secas, que se conservaban sen problema durante varios meses, cocíanse, como si fosen patatas, e constituían un alimento básico de moitos pobos galegos.

-Hoxendía (ano 2003) os galegos siguen recollendo as castañas dos seus soutos. Pero a maior parte dos canizos están valeiros e son mera lembranza de longas noites de inverno en lonxanas infancias. Agora as castañas aproveitánse de outras maneiras.

Hai unha parte das castañas que se destinan ós magostos. A castaña, como tódalas cousas importantes que hai en Galicia, ten a súa propia festa gastronómica: o magosto. Os amigos, os veciños, os nenos do colexio, os homes e as mulleres, xúntanse arredor dun lume encendido no chau, con frouma de pino, e botan castañas verdes no lume, para que se asen, para despois comelas, regadas con viño e cantares. É a festa do magosto, que se celebra arredor do San Martiño, alá polo 11 de novembro, día arriba día abaixo.

Pero a maior parte das castañas que se recollen hoxendía destínanse á venta, e despois de pasar por varios intermediarios, rematan en fábricas que fan con elas "marron glacé", tarta de castañas, e outros postres e derivados.

De calquera xeito, a historia de Galicia non se pode explicar sin falar das castañas, e do seu pai o castiñeiro, árbore que deu alimento, madeira, cobixo e sombra a moitos dos nosos devanceiros.

Debaixo da sombra dos castiñeiros fixéronse os millores poemas, déronse os millores bicos, e dixéronse as mais fermosas palabras de amor. De madeira de castiñeiro eran as trabes das casas, as táboas do piso, as arcas, os armarios, os chineros, .... De castañas estaba feito o cerne do corpo dos labregos. E da alma do castiñeiro está feito o eixe do noso espíritu colectivo. Galicia non sería Galicia se non fora polo castiñeiro.

Veleiquí un castiñeiro que ten varios centos de anos, nas Millaras, en Cerdedelo.

 

 

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)

"No me resigno a que, cuando yo muera, siga el mundo como si yo no hubiera vivido" (Pedro Arrupe)


  Engadir galicias.com a Favoritos  

Inicio de Galicias.com

Fotos de Galicia   Galego   español    English

Benvid@, estás na túa casa

©Juan Rúa. Contador