galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> indice de artigos de ágora do orcellón

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

AGORA DO ORCELLON: NÚMERO 9

PRESENTACIÓN

Avelino Muleiro García
Director

     Celebramos con este número nove o colapso da serie dos números díxitos, ó longo dos que Ágora do Orcellón percorreu un denso itinerario de tres anos e medio ateigados de ilusión e de relento intelectual facéndose eco do enxergo e das propostas culturais do Instituto de Estudios Carballiñeses. Queremos seguir así moitos anos máis sabendo que cada novo número que sae á luz abre expectativas renovadas nos nosos lectores, que son os que nos dan azos para seguir na procura de novos horizontes e de achados ata agora escondidos. Ó redor deste cerne seguiremos fornecendo a transparencia do pensamento e procuraremos seducir coa maxia da fantasía esas pegadas do pasado que teñen a miúdo a estrutura metafísica do soño e que esperan asomar ó abrente dunha vitoria contra a caducidade e a ausencia.

     Quedan aínda moitos tesouros por achar nestas terras orcellonesas e esperan por se incorporar ó noso acervo cultural moitos traballos de investigación creados noutros recantos do planeta. Esperamos facer públicos, na debida proporción e harmonía, a mellor selección de todos eles, mergullándonos na historia, xa que non podemos tocar as marxes do tempo máis que saltando desde o seu interior e desparasitando así a conciencia daquel. É o noso compromiso e o noso servizo á sociedade, na crenza de que os desexos se alimentan de esperanzas e na convicción da supremacía do traballo sobre o capricho.

     Pretendemos desde a nosa humilde aportación contribuír ó desenvolvemento e ó pulo da cultura, pois decatámonos de que os seres humanos como mellor nos situamos no Planeta é a través dela. Pero a cultura precisa esencialmente das ideas como búsola orientadora, pois nela atopa os seus firmes alicerces, o seu motor fundamental e o mellor valedor seu. Sen embargo, aínda que as ideas xermolan na nosa mente, non somos nós os seus donos, senón máis ben os seus escravos. Tan pronto abandonan o berce do entendemento, emancípanse e convértense en arquetipos totalmente ceibes. Grazas a elas facemos teorías, e coas teorías coñecemos o universo e a nosa orixe. Así sabemos que a vida e, en xeral, todos os seres do universo somos produtos dunha simetría rota. Iso é o que nos ensinan os físicos e os cosmólogos. E nun ano no que se cumpre o primeiro centenario da Teoría da Relatividade e se dedica á Física, unímonos desde aquí ós éxitos que leva acumulando esta ciencia ó longo da historia agradecéndolle ternos axudado a comprender que a vida se revela coma algo máxico e fantástico (celebramos tamén o cuarto centenario do Quixote, obra na que Cervantes eclipsou as ideas coa fantasía). A vida rebélase contra as primeiras leis simétricas do universo, ó mesmo tempo que se subleva contra o determinismo das leis físicas roubándolle ó espacio-tempo o reverso do infinito e da eternidade. Incorpora, pois, á súa esencia as contradicións que observa no universo coas que crea novas ilusións que agacha no niño da memoria, paraíso de onde non podemos ser desterrados. Con parte desa ilusión avanza Ágora do Orcellón ensanchando o campo do posible e abrindo rutas que non foron ofrecidas antes dela. Nese roteiro buscamos explicacións do pasado sabendo que estas non valen gran cousa se non se lles engaden as do presente e as do porvir. Ágora outea o futuro desde o presente pero sen perder a visión do pasado.

     Dentro dos contidos que lles ofrecemos neste número hai unha significativa dose poética. A figura de Manuel María voa sobranceira sobre a vila do Orcellón como se encarga de nos lembrar Xesús Alonso Montero. Pero tamén a poesía refaixeira de Xosé Vázquez Testa, crego de Seoane durante as décadas dos corenta ós sesenta, co heterónimo do Tío Pepe, son unha testemuña sociolóxica da vila de Cea neses maiados anos do século vinte. Tanto esas composicións poéticas comos Versos en píldoras do rapsoda de Cea Xerome, foron un magnífico agasallo para Ágora do Orcellón de don Xosé Rodríguez Presas, a quen agradecemos o seu detalle.

 

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador