galicias >> termalismo

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

Curso de termalismo

Inicio
Curso de termalismo 2005
fotos 2005
Dúas flores, un conto e un soño
Fotos peche curso 2006
Curso de termalismo 2006
Fotos Mondariz
Fotos de Lobios
Fotos Guitiriz e Talaso A.
CURSO DE TERMALISMO 2007

O Gran Balneario: duas flores, un conto e un soño.

 

     Carballiño é terra termal. Gran Balneario. Bañiño de Arcos. Balneario das Caldas de Partovia. Fonte termal de Brués ... Orcellón: comarca rica en aguas termais.

    Contan que fai moitos anos, no principio do século XX, unha nena cortou unha flor no xardín do Gran Balneario. O home que coidaba as flores rifoulle. A nena foi chorando para a casa. Seu pai viuna chorar. "¿Nena, qué che pasa?" ... Contoulle ... "Non te preocupes, que isto arrégloo eu. Ese xardín vai ser teu. Con todas as súas flores. E co balneario tamén". ¿Canto custa o Balneario?. Duascentas sesenta mil pesetas. Toma, nena, o xardín é teu. Podes cortar as flores que che pete.

     Contan que así foi como se mercou, fai moito tempo, o Gran Balneario do Carballiño. Iso é o que contan. E eu non digo que sexa certo. Porque eu non o vin. Eu daquela aínda non nacera. O certo é que a comezos do século XXI o Gran Balneario do Carballiño é un balneario marabilloso, pero cun aire un pouco decadente. Comparado con outros balnearios que se modernizaron e que amosan impresionantes medios e instalacións de deseño vangardista ... comparado con Arnoia, Lobios, Laias, Mondaríz, Talaso Atlántico ... o Gran Balneario do Carballiño parece un pouco como se tivera quedado durmindo nos tempos de fai cen anos.

     Estas son as críticas que se lle fan. Aínda que eu tamén teño que recoñecer que, pese a todo, para min o Gran Balneario do Carballiño sigue tendo un encanto especial: os marabillosos xardíns, con carballos e castiñeiros centenarios e outras árbores fermosas, e con froles, moitas flores (hortensias, rosas, e margaritas que os nenos seguen arrincando); o fermoso edificio, perfectamente integrado no lugar e na paisaxe, coa súa forma, coa súa torre, coas súas fiestras de cristal, coa súa personalidade, e coa súa alma, porque ten... ten alma claramente; e o Arenteiro, deitado o pé do Balneario, ruxindo suavemente, formando co seu canto, en combinación coa música dos paxariños que hai no lugar, unha fermosa melodía. Sí, o Gran Balneario do Carballiño ten natureza, ten musa, ten misterio, ten poesía, ten algo... ten ... ¡ten alma!.

     Comezos do século XXI. Os balnearios volven a estar de moda. O Instituto de Estudios Carballiñeses e a Universidade de Vigo organizan un curso de termalismo no Carballiño. Conferencias. Clases prácticas. Tempo para comer, conversar, e pasear... Un puco de todo.

     Paula, Pau para os amigos íntimos, é unha rapaza alegre e xovial. Está disfrutando moito no curso de termalismo. A ela gústanlle os balnearios. Gústanlle as flores, as árbores, os sendeiros e a sombra fresca do bosque. Gústalle a natureza. Por iso, despois de comer, vai a dar un paseo polo Gan Balneario ... Está feliz. Disfrutando como se estivera no ceo. Paraíso. Edén. Síntese moi agusto. Plena. Feliz. Sen saber por qué. Pasea. Mira. Respira lentamente sendo consciente de que está viva e de que o aire limpo está entrando e saíndo do seu corpo. Está soia. Pero non se sinte para nada soia. Nota á súa beira un montón de presencias amigas. Nun momento mira unha fermosa flor. Parece diferente ás outras. Como se tivera un alma máis fina. Míraa e tócaa con cariño. Está tan concentrada que case se sobresalta cando escoita unha voz e unha presencia humana ó seu carón. "Ola, boas tardes. ¿gústache esa flor?". "Sí. A verdade é que sí. Boas tardes...". "Se queres podes collela. Hai moitas... Non hai problema. Eu son o home que coida o xardín". "Gracias. Pero chégame con mirala. Gústame moito esta flor ... e por iso quero que ela siga vivindo aquí ... de todos modos ... é vostede moi amable". "Como queiras". "¿Vostede leva moitos anos traballando aquí?". "Toda a vida. Dende que era neno". "Entón saberá moitas historias deste balneario". "Sei...". "¿E quéreme contar algunha?". "Por suposto que sí..."

     O home que coida as flroes chámase Pedro. Ten un longo cabelo loiro e uns tranparentes ollos azuis. Unha mirada clara e limpa como a auga da montaña. Un corpo rubusto, forte, atlético. Parece un príncipe azul, ou un home saído dun conto.

     Séntanse á sombra, nun banco de pedra, e o home empézalle a contar. Unha historia. E logo outras. Fálalle das augas, da xente, dar árbores e dos paxaros. Fálalle da musa, do misterio e da alma segreda do balneario. Paula entra dentro dos contos. Todo é como un soño. Pasan horas sen que se den conta. Están tan agusto.

     Fanse moi amigos. Pau cóntalle tamén historias e segredos do seu corazón. Ata chega a contarlle algunhas cousas que nunca lle dixera a ninguén.

     E finalmente o home míralle ós ollos á moza. E quedan mirándose un anaco longo. Infinito. Pleno. Eterno. Mentres se miran, a moza cóllelle a mau ó seu amigo ... cerran os ollos ... e están así, coas maus collidas e cos ollos pechados, mirándose coas almas, durante un tempo incontable de ledicia, plenitude e ceo redondo.

     Cando abren os ollos Pedro dille a Paula. "Agora ... agora vouche contar o segredo máis fondo que teño. Agora vouche contar un soño".

     Paula apreta a mau sen dicir nada. E Pedro empeza a contar: "Moitas noites teño o mesmo soño. Estou no xardín. Falando coas flores. E chega unha rapaza moi fermosa. Ela tamén se pon a falar coas flores. E fala tamén comigo. E pídeme que lle conte historias do Balneario. E despois de mil historias pasadas ... nun momento mirámonos ós ollos ... collémonos da mau ... empezamos a voar ... e todo empeza a ser diferente pouco a pouco. Ela di que quere quedarse a vivir no balneario ... comigo ... e para sempre. Eu véxoa tan fermosa que non son capaz de dicirlle que non pode ser ... Ela di que o imposible non existe. Ela ten uns poucos aforros. Eu tamén teño algo. Ela ten unha tía solteira que tamén lle pode prestar algúns cartos. Tamén podemos xogar á lotería. Se temos fe nada é imposible. Se queremos algo intensamente ... lograrémolo. E falamos co administrador do balneario. Os donos non ten pensado vendelo. Pero se llo pide Pedro ... Botamos contas. Aínda nos faltan moitos cartos. Falamos cos bancos. Pedimos préstamos. E o noso soño empeza a camiñar. E mercamos o balneario, co seu xardín, coa súa maxia e coa súa alma. E facemos xuntos e para sempre con amor e felicidade o noso Gran Balneario. O froito do noso amor e do noso traballo... o balneario dos nosos soños. Fermoso, moderno, funcional... pero tamén vello, eterno, con encanto. Un balneario con auga, con musa e con alma. Novo. Antiguo. Eterno. Diferente. Un balneario froito dun soño de amor".

     Pedro calou. Dos ollos de Paula caeron duas bágoas. Eran saladas e levaban un traxe de luz. Nese momento Paula e Pedro volveron cerrar os ollos ... e ¡volveu falar o silencio!.

 

 

     Teño un amigo que di que os mimos e os caprichos son a porta da decadencia e que o traballo e o amor son a porta de todos os progresos. Eu non digo nada. Soio vos conto un conto que me contaron. E non vos conto o final porque a min tampouco mo contaron. Poñédelle cada un o voso.

 

     Hai quen pensa que se unha flor marcou fai cen anos a historia do Carballiño ... nestes comezos do século XXI, outra flor pode volver a mudala de novo. Hai quen pensa. Hai quen soña... ¡E aínda queda xente que mira ás flores!.

    Hai quen di que este conto se titula: O CARBALLIÑO: unha vila entre duas flores.

 

     Nota aclaratoria: Por se a alguén lle quedase algunha dúbida expresamente advirto de que o que precede non é nin pretende ser un texto histórico, senón literario. Un conto contado á miña maneira: inventado gran parte da historia, que non é, nin moito menos, unha historia real, senón que é unha historia inventada, soñada, imaxinada. E calquera parecido que teña coa realidade será pura coincidencia.

(Juan, 22-07-05)     

 

 

Hola Amig@s...


"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador